Thursday 19 de September de 2024

Comeza o programa “Saber Facer Barrio 2024” para reflexionar sobre emprendemento e oportunidades de negocio


A próxima semana arrinca en Conxo a acción “Saber Facer Barrio 2024”, impulsada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, dentro do programa de activación económica “A Compostela dos barrios”. Trátase de faladoiros para reflexionar sobre emprendemento e empregabilidade, e para que as persoas participantes poñan en común as súas experiencias de negocio. A iniciativa desenvolveráse en nove centros socioculturais de Santiago.

“Saber Facer Barrio 2024” comezará a súa andaina o próximo martes en Conxo, e ao longo dos meses de outubro e novembro pasará polos centros socioculturais de Vite, O Romaño, Fontiñas, A Trisca, Santa Marta, Ensache, Figueiras e Maruxa e Coralia da zona histórica. En cada centro e barrio haberá tres sesións en tres días sucesivos: un café na mañá dos martes para falar de emprendemento e opcións de negocio; unha “caña” na tarde dos mércores para reflexionar sobre empregabilidade e habilidades para o emprego; e un encontro na noitiña dos xoves para que as persoas emprendedoras e traballadoras do barrio compartan as súas experiencias. Todos os faladoiros terán unha duración de 60 minutos, e serán moderados por un consultor especializado en emprendemento e empregabilidade que fomentará a interactividade.

A participación será gratuíta, cun aforo máximo de 15 persoas por cada sesión. A reserva de praza pode facerse na web vitaminabe.com.

Esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de poñer en valor o tecido empresarial e comercial dos barrios, e de fomentar un ecosistema emprendedor de base local.

Deja un comentario